Máis de 3.500 universitarios participan nas actividades da Área de Deportes

• A UDC celebra mañá unha gala de homenaxe aos deportistas universitarios
• O alumno paralímpico Alberto Seoane, Premio UDC Deportes 2017


A Coruña, 14 de febreiro de 2018.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidirá mañá, xoves, 15 de febreiro, ás 20:30 horas na Aula Náutica (no Dique Barrié) os actos de celebración dos Premios UDC Deportes 2017, nos que se recoñece os logros dos deportistas universitarios e culminará coa entrega do IX Premio UDC Deportes a Alberto Seoane.
O acto comezará coa intervención da vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, para despois facer entrega de recoñecementos aos estudantes e persoal universitario que participaron representando á Universidade da Coruña en diferentes eventos e competicións deportivas universitarias de ámbito autonómico, nacional e internacional.
Destacan no ámbito autonómico:
- A Universidade da Coruña organizou o Campionato Galego Universitario de Orientación, que tivo lugar o 29 de abril no Campus de Elviña. Neste campionato galego participaron mais de 60 corredores das tres universidades galegas, e onde a UDC acadou o primeiro posto na clasificación xeral.
- A Universidade da Coruña participou no XVII Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos organizados pola Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra. Neste campionato galego participaron mais de 300 deportistas das tres universidades galegas en 12 modalidades deportivas, nas cales 110 xogadores e xogadoras representaron á UDC acadando o primeiro posto nas modalidades de Voleibol feminino e Rugby 7 masc. e fem, obtendo as correspondentes prazas nestes deportes como representantes autonómicos para os Campionatos de España Universitarios.
- A UDC tamén participou con mais de 20 deportistas, no Campionato Galego Universitario de Natación, organizado pola Universidade de Santiago o 15 de marzo.
Nos Campionatos de España universitarios participa o alumnado procedente de todas as universidades españolas (máis de 70 universidades) cun alto nivel de rendemento deportivo. No pasado curso académico a Universidade da Coruña estivo representada por 66 deportistas.
E no ámbito internacional:
- A participación nos XXX Xogos Galaico Durienses celebrados en Braga, coas tres universidades galegas e as tres universidades do norte de Portugal (Minho, Utad e Porto), nas modalidades de Balonman e Voleibol mixto e escalada.
- A participación nos Campionatos de Europa EUSA celebrados na cidade portuguesa de Coimbra do 24 ao 27 de xullo, onde a UDC foi representada por 4 judocas, e conseguindo Miguel Riopedre a Medalla de Bronce en -60 Kg.
Dentro das Competicións Internas teñen especial importancia as Ligas universitarias nas que se inscribiron 138 equipos, o que supón mais de 1.500 participantes en Baloncesto, Fútbol 7, Fútbol sala e Pádel. Nos Campionatos Internos da UDC participaron máis de 100 deportistas nos torneos de Pádel, Tiro con Arco, Tenis, UDC Games e Escalada.
No apartado de Actividade física e saúde, a Área de Deportes segue ofertando unha gran variedade de servizos como as actividades de fitness, adestramento persoal, ioga, estiramentos-GAP, pilates, hipopresivos, exercicio e solo pelviano, UDCORRE, salas de musculación así como os bonos de mantemento físico, con máis de 1.800 usuarios, todos eles membros da Comunidade Universitaria.
Co obxectivo de fomentar a práctica da actividade física entre os máis pequenos, tamén se celebraron o xa tradicional Campus Mauro Silva, que o pasado curso chegou á súa edición número XVIII e onde participaron 115 nenos e nenas, e os Campamentos Multideportivos do Campus de Elviña, e o Campamento Náutico-Inglés na Aula Náutica, nos que tomaron parte un total de 215 rapaces e rapazas nos meses de xuño, xullo e setembro.

Premio UDC Deportes 2017
O coruñés Alberto Seoane Alcaraz, titulado en Economía pola Universidade da Coruña, resultou elixido por unanimidade gañador do Premio UDC Deportes 2017 polos seus méritos deportivos acadados o pasado ano 2017 na disciplina de tenis de mesa para persoas con discapacidade a Alberto Seoane, valorando ademais o xurado a súa capacidade de superación e a estreita vinculación coa Universidade, non só como estudante, senón por ter representado á UDC nos Campionatos de España Interuniversitarios nos anos 2008 e 2009, así como nos Xogos Deportivos Galaico-Durienses de 2008, na Universidade do Minho.
Entre outros logros deportivos, Alberto Seoane foi dúas veces Campión do Mundo por Equipos, 2014 e 2017; subcampión de Europa por Equipos en 2013; Ouro no Open de Eslovaquia en 2015 e Dobre Diploma en Río en 2016. Ocupa o décimo posto no ránking mundial de tenis de mesa para persoas con discapacidade. Actualmente exerce a súa profesión de Economista na empresa ISS e é residente do Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat del Vallès desde hai seis anos. Alberto Seoane naceu co síndrome TAR, unha enfermidade rara vinculada á diminución das plaquetas circulantes e que se traduce fisicamente nunhas extremidades superiores de menor lonxitude pola ausencia de radio.

Histórico Premios UDC Deportes:
2009. Antonio Ripoll Alberti (adestrador de Vela)
2010. Equipo Feminino Rugbi UDC
2011. Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física
2012. Tamara Echegoyen e Sofía Toro (Vela)
*Mención de honra: Marco Carreira Corredoira (adestrador de Taekwondo)
2013. Club de Rugbi Arquitectura Técnica (CRAT)
2014. Carlos David Prieto López (adestrador de Triatlon. adestrador de Javi Gómez Noya)
2015. Jesús Manuel Graña Gómez (Jim Sports Technology SL)
2016. Carlos Lalín Novoa (readaptador físico-deportivo no Manchester United)
*Mencións de honra: Berta García Alonso (rugbi), Paula Medín López (rugbi), Vanesa Rial López (rugbi), Alberto Seoane Alcaraz (tenis de mesa).