O Consello de Contas debe dispor de capacidade sancionadora fronte aos incumprimentos da Xunta

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, propuxo hoxe que o ente fiscalizador poida sancionador ao goberno galego ou os entes instrumentais cando estes incumpran coas obrigas e recomendacións que fixa nos seus informes anuais. Os socialistas galegos acusaron á Xunta de manter ao Consello sen os recursos necesarios para realizar o seu traballo e reclamou que se lle incremento o seu orzamento.

A responsable socialista denunciou o incumprimento reiterado por parte da Xunta das directrices que envía o ente, así como das recomendacións realizadas polos grupos parlamentarios e aprobadas no Parlamento. Dixo que estes incumprimentos deben ter “consecuencias” para garantir o seu cumprimento, e engadiu que “a Xunta e os entes instrumentais deben estar obrigados a dar resposta ou, no seu caso, de enfrontarse a algún tipo de sancións” para evitar que omitan as súas obrigas.

Advertiu ademais que tamén son incumpridas as Recomendacións incorporadas polos grupos parlamentarios co voto favorable do PP, que agora “nos atopamos con que tampouco admiten que volvan ser presentadas coa escusa de que xa foran aprobadas no ano anterior”.

Aludiu así á última xuntanza da Comisión do Consello de Contas no Parlamento de Galicia, na que foi aprobada unha soa das 21 resolucións presentadas polos socialistas á Memoria de Actividades do ano 2016, desbotando mesmo propostas que foran aprobadas o ano anterior. Esta Memoria será debatida no Pleno do Parlamento da próxima semana.

Transferencias de crédito

Rodríguez Rumbo lembrou o incumprimento por parte do goberno galego das recomendacións diante do uso excesivo do programa de imprevistos da Xunta como “programa – ponte para realizar transferencias de crédito”.

Tampouco cumpriron coa reclamación reiterada de actualizar o marco normativo en materia económica, orzamentaria e contable, e incorpore na Conta Xeral información sobre a situación financeira global do sector público autonómico, a execución dos beneficios fiscais, o volume de endebedamento ou os compromisos de gasto futuros.

A parlamentaria socialista denunciou ademais o incumprimento da obriga de render contas por parte das entidades instrumentais, xa que hai 8 sociedades públicas, 11 fundacións e ata 7 consorcios que evitan esta obriga “sen consecuencias”.

The post O Consello de Contas debe dispor de capacidade sancionadora fronte aos incumprimentos da Xunta appeared first on PSdeG-PSOE.