Preto de 250 alumnos estranxeiros chegan á UDC para o segundo semestre

A Coruña, 14 de febreiro de 2018.- O Paraninfo da Universidade da Coruña, na Reitoría, A Mestranza, acollerá mañá xoves, 15 de febreiro, o acto de benvida aos 246 alumnos estranxeiros que cursarán estudos na UDC no segundo semestre.
A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, dará a benvida institucional ás 10:30 horas, xunto coa adxunta de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Mercedes Regueiro Diehl. A continuación, haberá unha presentación de diversos servizos de interese para os estudantes así como das asociacións de alumnos Erasmus Student Network - ESN Coruña e a Association des Etats Généraux des Etudiants de l'Europe – AEGEE Coruña. A actuación do Coro Universitario pechará o evento.
A UDC recibirá este segundo semestre un total de 246 estudantes (153 Erasmus; 88 no marco de convenios bilaterais e 4 visitantes). A Facultade de Economía e Empresa, centro que máis alumnos recibe, é o destino de 61 estudantes, seguido da Facultade de Dereito, Arquitectura, Filoloxía, Ciencias, Socioloxía e Facultade de Deportes. Os estudantes proceden dun total de 27 países, sendo o grupo máis numeroso de México, con 53; Italia, con 45; Polonia, 21; Romanía, 20; Alemaña, 14; Arxentina,13; Turquía, 10 e Corea, 9 alumnos.