Un total de 641 alumnos de 38 países estudan este curso na UDC

A Coruña, 15 de febreiro de 2018.- A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, e a adxunta de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Mercedes Regueiro Diehl deron esta mañá no Paraninfo da Reitoría a benvida institucional aos 246 estudantes estranxeiros que pasarán na Universidade da Coruña o segundo semestre. En total, estudan este curso na UDC 641 alumnos de 38 países, dos que preto de 50 realizan os seus estudos no Campus de Ferrol.
Italia, con 134 estudantes, é o país que máis alumnos envía á UDC, seguido de México, con 86; Polonia, 56; Alemaña, 49; Romanía, 42; Francia, 35; Vietnam, 32; e Arxentina, con 29; pero a orixe do alumnado abrangue países como Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Bulgaria, Chile, Chipre, Colombia, Corea, Costa Rica, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estados Unidos, Finlandia, Georgia, Grecia, Holanda, Hungría, Irlanda, Japón, Lituania, Moldavia, Noruega, Perú, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Turquía e Uruguai.
Aínda que están presentes na maioría dos centros universitarios, a Facultade de Economía e Empresa recibe este curso o maior número de alumnado estranxeiro, 111; seguida da Facultade de Filoloxía, con 94; Dereito, 81; e Arquitectura, 69. A Facultade de Ciencias acolle a 17 alumnos foráneos; Socioloxía, 15, e a Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, 13. As preferencias dos estudantes estranxeiros van, sobre todo, aos centros cunha importante oferta de docencia en inglés.
Esta mañá os novos alumnos recibiron na Reitoría información de diversos servizos universitarios, así como das asociacións de estudantes Erasmus Student Network - ESN Coruña e a Association des Etats Généraux des Etudiants de l'Europe – AEGEE Coruña. O Coro Universitario pechou o evento de recepción. No Campus de Ferrol farase tamén un acto de benvida aos alumnos estranxeiros do segundo semestre a cargo da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, o vindeiro día 22 de febreiro. Ademais do acto institucional, haberá unha visita guiada pola cidade departamental e por diversos lugares de interese.